Plataforma de Afectadas polo CCG
SEGUNDO COMUNICADO (29 de novembro de 2019)

A PACCG –movemento que reúne a 132 profesionais, compañías e entidades da danza e das artes do movemento–, quere amosar a súa sorpresa e repulsa perante as últimas novas sobre os recortes orzamentarios dun 66% para o CCG nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2020 (duns investimentos de 150.000 no 2019 euros a 50.000 no 2020), sobre o anuncio dun novo estatuto para a AGADIC sen participación do sector na súa redacción, así como perante a falta de pronunciamento sobre a futura provisión do posto de dirección do CCG.

Ante esta situación, que consideramos de máxima gravidade, esiximos:

1. O recoñecemento da Plataforma de Afectadas polo CCG, xunto coas asociacións, agrupacións, empresas e/ou axentes relacionadas coas prácticas artísticas afectadas, como interlocutora natural e parte activa no proceso de remodelación técnica que se levará a cabo coa reforma estatutaria da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). A inclusión dos axentes culturais nos procesos de elaboración das políticas públicas é un dereito que debe ser atendido en base ao dereito fundamental de participación directa nas políticas públicas e o dereito constitucional de aceso á cultura dos arts. 9 e 44 da Constitución.

2. O mantemento, dentro da nova estrutura interna da AGADIC, da unidade administrativa “Departamento de Produción Coreográfica” ou dunha área e/ou departamento equivalente que atenda exclusivamente á realidade da Danza / Artes do Movemento, co mesmo rango, dotación de recursos, competencias e funcións cos restantes Departamentos ou Unidades de Produción  [de teatro, audiovisuais, etc…] . Consideramos que a Danza é un sector desatendido polos organismos públicos do país –Consellería de Cultura, AGADIC, Rede Galega de Teatros e Auditorios, etc.– e que isto non responde á realidade do sector cultural profesional e recoñecido, nin ás necesidades da vida cultural da nosa sociedade. Pedimos que a Xunta de Galicia respecte o principio legal de equidade e as súas obrigas competenciais respecto do acceso ao dereito humano universal de participación na vida cultural recollidas nos arts. 148.1 e 149.2 da Constitución Española.

3. A convocatoria dun proceso de selección para a provisión do posto de dirección do CCG e  a súa publicación no DOGA, en cumprimento da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, así como a inclusión plena do sector profesional da danza de Galicia no proceso no deseño do proceso de selección para a provisión do posto de Dirección do CCG tal e como recolle o art. 3.1 a) do Estatuto da AGADIC respecto do “compromiso de consulta e participación do/as interesado/as na realización dos seus traballos” en cumprimento do mandato constitucional do art. 9.2 CE: “ ... facilitarán a participación de tódolo/as cidadáns na vida política, económica, cultura e social”.

4. O respecto, no deseño do proceso de selección para a provisión do posto de Dirección do CCG aos principios legais relativos á necesaria motivación da proposta, ao mérito, capacidade e idoneidade na designación, e á publicidade e concorrencia dos procedementos; segundo o establecido nos arts. 23.2 e 103 CE e art. 35.2 do Estatuto da AGADIC cando di: “O persoal directivo de AGADIC é nomeado e separado polo Consello Reitor, por proposta motivada da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia”. Teña ou non, dito proceso de selección, a consideración administrativa de concurso público ou non, esiximos en calidade de interesado/as, o máximo rigor no cumprimento destes principios de publicidade e concorrencia, legalmente esixibles, mediante a observancia das convencións sobre boas prácticas na xestión cultural.

5. A provisión do posto de Dirección do CCG mediante a formalización dun contrato de Alta Dirección que, a diferencia do acontecido anteriormente, garanta a necesaria autonomía, plena responsabilidade e mecanismos de avaliación no cumprimento das súas funcións, requisitos legalmente esixibles e recollidos nos art. 35.4 do Estatuto da AGADIC; sen que a relación especial de alta dirección poida chegar a confundirse, baixo ningún concepto, cunha relación laboral ordinaria. Considerando, ademais, a realización por parte da nova dirección do CCG da obrigatoria e preceptiva declaración de actividades, en cumprimento do art. 14 da Lei 53/1984, do 26 de decembro sobre Incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas e do art.10 j) da Lei Autonómica 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

6. Unha dotación orzamentaria para o Departamento de Produción Coreográfica que garanta, segundo os plans de acción previstos e memorias realizadas legal e estatutariamente esixibles, o correcto desenvolvemento das súas competencias, en cumprimento do principio de eficacia das políticas públicas que rexe o funcionamento da Administración Pública así como do principio de equidade na distribución de recursos entre os Departamentos de Produción da AGADIC debendo a Xunta de Galicia remover canto obstáculo xurda para a efectiva garantía do art. 9.2 da CE sen producir desequilibrio discriminatorio algún entre as súas administradas, susceptible de ser reclamado xudicialmente. O anterior esiximos se faga mediante transferencias de financiamento directas e non por desvío de fondos adscritos a outros plans de xestión como o realizado pola mercantil S.A. Plan de Xestión do Xacobeo Sociedade Unipersonal, non debendo a Administración Autonómica desatender o mandato imposto polo principio legal de eficiencia.

Así mesmo anunciamos que, no exercicio do dereito de información recollido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro de transparencia e bo goberno, que nos asiste, acompañarase este comunicado dunha solicitude formal de información, ante as instancias competentes, da documentación relativa ao contrato laboral de Alta Dirección da anterior coordinadora (conforme ao art. 10 k Lei 1/2016), así como plans de programación, plans contables e memorias dos últimos anos do CCG de obrigada redacción (conforme o Art. 27.2 do Estatuto do AGADIC) e demais documentación pertinente para a súa análise técnica e xurídica coa fin de dirimir cantas responsabilidades sexan esixibles.

------

PRIMEIRO COMUNICADO (XUÑO 2019)

DENUNCIA DOS PROFESIONAIS DA DANZA E ARTES DO MOVEMENTO DAS MALAS PRÁCTICAS DENDE O CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO · AGADIC

Ante a inminente estrea mañá sábado 8 de xuño no Teatro Colón de A Coruña do espectáculo Maestro Rodrigo promovido pola Agadic e a Fundación Victoria e Joaquín Rodrigo e, unha vez máis, baixo a alerta das múltiples irregularidades que este proxecto desperta no tecido profesional da danza e as artes do movemento, queremos denunciar a mala xestión e falta de transparencia do Centro Coreográfico Galego e da súa directora Mercedes Suárez.

Puntos que a comunidade profesional leva trasladándolle ó director da Agadic, Jacobo Sutil, en reiteradas ocasións , relativas á situación xeral do Centro Coreográfico Galego:

- A inactividade do CCG (sen producións propias nas últimas tempadas) e a inexistencia absoluta dun Plan de actuación para as artes do movemento desde o CCG, que sinale os seus obxectivos, funcións, fundamentos, estratexias, programa de actividades, plan de usos e distribución dos recursos públicos empregados, entre outros.

- Opacidade, falta de publicidade e non rendición de contas na xestión do centro e na xestión económica do mesmo (150.000 euros anuais).  

- Dexación de funcións da directora no exercicio do seu cargo, que se fai evidente perante a inactividade do Centro e a falta de diálogo e de atención cara o sector profesional da danza en Galicia.

- A existencia de incompatibilidades, non xustificadas debidamente, entre o cargo da dirección do centro de natureza pública, e o mantemento de actividades de iniciativa privada no mesmo sector de actividade da danza.
 
- Programa de formación do CCG que non atende a unha realidade profesional actual.  

- Uso desaproveitado das instalacións do CCG e inactividade do persoal do CCG.

Ademais queremos visibilizar o malestar cara esta produción concreta, polos seguintes temas e irregularidades, dos cales solicitamos unha explicación razoada:

- Como e baixo que criterios tivo lugar a elección do elenco.

- Cales son as condicións laborais e económicas dos bailaríns, coreógrafo (Kenneth Tindall) e demais colaboradores.

- Criterios que xustifican a elección de Julia Méndez, filla da actual directora Mercedes Suárez, como bailarina principal, e motivos polos que non existe unha incompatibilidade de intereses.

- A participación de menores de idade. Réxime de selección, contratación e traballo para os menores de idade participantes na produción.

Por todo o anterior, asinamos este comunicado e esiximos unha resposta urxente cara a situación actual do CCG, por medio da convocatoria dunha nova dirección a través de concurso público que cumpra con todas as garantías legais e de participación.

Sign in to Google to save your progress. Learn more
Email *
Nome completo *
Perfil profesional *
Compañía ou proxectos de referencia (se é o caso)
DNI *
A copy of your responses will be emailed to the address you provided.
Submit
Clear form
Never submit passwords through Google Forms.
reCAPTCHA
This content is neither created nor endorsed by Google. Report Abuse - Terms of Service - Privacy Policy