GALEGO


Estamos nun momento histórico decisivo debido ás novas agresións coas que o Goberno do Estado, e en concreto o Ministerio de Igualdade, planean anular os dereitos das mulleres e a infancia. Aínda hoxe, a impunidade da violencia machista, a mercantilización, explotación e cousificación das mulleres, as leis de “identidade de xénero”, a intromisión das relixións na vida social, a feminización da pobreza e dos coidados e a falta de recoñecemento das mulleres seguen a ser expresións da nosa opresión. Oprímennos polo feito de ter nacido mulleres.

CONSIDERANDO que o Artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece que «Toda persoa ten tódolos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición».

E CONSTATANDO que, ante o avance da loita feminista, estamos a sufrir unha reacción do patriarcado, emprendida polo Goberno, os partidos políticos, os medios de comunicación e as instancias xudiciais;

NOSOUTRAS, as mulleres, como suxeito político do feminismo:

• DECIDIMOS que é exixencia democrática que a lei nos protexa de maneira efectiva fronte á violencia contra as mulleres en tódalas súas formas e manifestacións. EXIXIMOS que se cumpran tódolos convenios internacionais que teñan como obxecto frear o terrorismo machista.

• DECIDIMOS que non se debe comerciar coas mulleres porque non somos obxectos. EXIXIMOS unha lexislación integral para a abolición da prostitución, que ten que considerarse legalmente como violación pagada; que se establezan acordos internacionais para acadar e acabar coas redes escravistas de tráfico de persoas con fins
de explotación sexual, do que o noso país é ruta de entrada, consumidor e destino para  o turismo sexual.

• DECIDIMOS que, sabendo que a pornografía é a escola da violación, debe ser prohibida. EXIXIMOS que se desenvolvan lexislacións para a súa persecución e erradicación.

• DECIDIMOS que non imos permanecer impasibles ante a inacción do Goberno para a prohibición da explotación reprodutiva das mulleres e a compra de crianzas. EXIXIMOS a derogación do art. 10.3 da Lei de Técnicas de Reprodución Humana Asistida para que ninguén poida reclamar a filiación de paternidade dunha criatura nacida de explotación reprodutiva e a anulación da instrución 2010 que permite o fraude de lei no estranxeiro.

• DECIDIMOS que non poden ser lexitimadas como técnicas de reprodución asistida aquelas prácticas que exploten ás mulleres, como a extracción de óvulos para terceiros ou os transplantes de úteros de mulleres vivas. EXIXIMOS a prohibición destas prácticas e da súa publicidade.

• DECIDIMOS que non se pode tolerar que as desviacións e estereotipos patriarcais e androcéntricos afecten á ciencia, á investigación e ó tratamento sanitario das mulleres. EXIXIMOS que se acabe coas desigualdades en saúde das mulleres coa violencia médica e obstétrica e coa lexislación laboral discriminatoria que afecta actualmente á saúde das mulleres traballadoras.

• DECIDIMOS que os procesos sexuais e reprodutivos das mulleres deben ser recoñecidos na súa particularidade. EXIXIMOS que se separe a baixa médica para a recuperación post-parto do permiso de maternidade. EXIXIMOS tamén que se garanta o dereito a exercer a interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública en todo o territorio estatal.

• DECIDIMOS que este país ten a obriga de escoitar a razón crítica do feminismo e parar e derogar toda lexislación que ampare o xénero como identidade, borrando ás mulleres como suxeito político. DECIDIMOS tamén que non se debe lexislar sobre autoidentificacións subxectivas: facelo converte en irrelevantes as políticas públicas para a igualdade efectiva entre mulleres e homes. EXIXIMOS que os desexos individuais ou
sentimentos non prevalezan sobre os dereitos das mulleres.

• DECIDIMOS que os costumes culturais e as relixións NUNCA deben estar por riba dos dereitos humanos. EXIXIMOS que todo tipo de espazo público sexa laico, reclamamos, polo tanto, que sexan delitos aquelas prácticas que, fundamentándose no costume ou relixión, supoñan un menoscabo para a liberdade e integridade física e moral de nenas e mulleres.

• DECIDIMOS que Europa ten que ser unha zona de acollida segura para mulleres e nenas migrantes. EXIXIMOS ó Parlamento Europeo e ó Goberno de España unha lexislación migratoria que non atente contra os dereitos humanos.

• DECIDIMOS que os traballos imprescindibles para a vida cotiá e os coidados deben ser unha responsabilidade social do Estado. EXIXIMOS que NON se nos adscriban en exclusiva as tarefas e traballos que, pese a seren fundamentais, non contan con ningún prestixio, recoñecemento social nin económico.

• DECIDIMOS que o tempo das persoas debe ser o eixe central das políticas de responsabilidade social, xa que o sistema actual é incompatible coa vida. EXIXIMOS que o tempo de traballo sexa subsidiario do tempo de vida das persoas. EXIXIMOS tamén a revisión profunda do sistema de contratación que produce traballos precarios, especialmente da xornada parcial que se adscribe case unilateralmente ás mulleres.

• DECIDIMOS poñer fin á alianza criminal entre patriarcado e capital que feminiza os empregos máis precarios, discrimínanos salarialmente e impídenos o desenrolo da carreira profesional; que, asemade, ocasiona que soframos unha maior taxa de desemprego e pobreza que nos condena, por seren mulleres, a ser máis vulnerables ós desafiuzamentos, á explotación e á mercantilización neoliberal das nosas vidas. EXIXIMOS empregos, salarios e pensións dignas; e que a lei e a xustiza persigan a opresión laboral e salarial por razón de sexo, sen excepcións, como a que sofren por decreto as traballadoras domésticas e denunciamos a crecente privatización dos servizos públicos que afecta especialmente ás mulleres.

• DECIDIMOS que este país está en débeda coa memoria histórica das mulleres; o noso talento e a nosa historia deben estar presentes no expediente e currículo escolar e académico. EXIXIMOS ó Goberno e ó Estado políticas que aseguren o coñecemento  e recoñecemento dos aportes que as mulleres e o Movemento Feminista teñen feito ó longo da historia en tódolos ámbitos.

• DECIDIMOS que non é tolerable en democracia a neolingua que borra ás mulleres: se nos borran como mulleres, bórrannos como cidadás. EXIXIMOS que non sexan utilizados termos como “proxenitor xestante”, “persoa menstruante”, “vaxinoportantes”, “cismulleres”, “mulleres non trans”. “maternidade subrogada”, “traballadoras sexuais” ...


ADVERTIMOS que:
• Non permitiremos que se sigan vulnerando os nosos dereitos.
• Non aceptaremos que se sinale como delito de odio o pensamento crítico feminista cando denuncia fobias inexistentes.
• Oiredes as nosas voces en tódolos espazos sociais e de participación política. Non volveremos a votar a ningún partido que non loite por estes principios.

• Non toleraremos nas escolas a introdución de teorías acientíficas que pretenden borrar o sexo á vez que intensifican os estereotipos de xénero.
• Loitaremos na rúa ata que consigamos os nosos obxectivos.
Terédesnos de fronte porque A FORZA DAS MULLERES É O FUTURO DE TODAS


VOLTAR PARA ASINAR: https://forms.gle/gGtCZtD3ahWeTFfz8
Sign in to Google to save your progress. Learn more
Submit
Clear form
This content is neither created nor endorsed by Google. Report Abuse - Terms of Service - Privacy Policy