Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, en colaboración coas universidades galegas, planifícase un estudo diagnóstico en torno á situación da profesión das educadoras e educadores sociais no contexto galego. Tras varias décadas de formación inicial universitaria e continua e o percorrido consolidado no quefacer profesional -tanto en ámbitos tradicionais como noutros emerxentes- considérase fundamental realizar unha investigación que permita coñecer o labor dos educadores e educadoras sociais nos diferentes ámbitos de actuación, así como indagar nas principais preocupacións, demandas, necesidades e propostas de futuro da profesión. Trátase de recoller información que pode ser relevante para o CEESG, no coñecemento da actualidade da profesión, e para as universidades, na orientación dos plans de estudio e o desenvolvemento das súas iniciativas formativas.